Os viños de Ourense acollerán o vindeiro venres 15 o V Encontro de Cantos de Taberna
- Participan nesta edición os bares Sol, Xes e Orellas, da rúa da Paz e A Nosa Taberna e O París, da rúa Lepanto
- Os grupos As Macizas Centrais, De Pé Feito, Escachaferreñas, Mamuxos e Xúa recorrerán os locais cos seus cantos de taberna a partir das 20:30h.
- O Grupo Reboreda Morgadío será, unha vez máis o principal patrocinador privado do evento.
- As alumnas Iria Riveiro, encargada de comunicación, María Riesco, do equipo de dirección e Luis Alberto Gil Gallardo, de Reboreda Morgadío explicaron os pormenores do evento.
A Nosa Taberna acolleu este martes a presentación do V Encontro de Cantos de Taberna nos Viños de Ourense, unha iniciativa organizada por un grupo de alumnado de 1o curso de produción de audiovisuais e espectáculos do CIFP A Farixa coa que encherán de música e bo humor a noite deste próximo venres 15 de xuño.
O Evento arrincará as 20:30h da Praza do Ferro, onde se darán cita os 5 grupos participantes para percorrer posteriormente un itinerario que encherá de música os 5 locais participantes ata as 23:30h, cando está previsto rematar a festa cun “Miudiño” conxunto de todos os grupos participantes.
Segundo sinalou Iria Rivero, encargada de comunicación do evento, o proxecto, organizado como práctica académica, implica o traballo en grupo do alumnado e as tarefas de xestión e coordinación con empresas, entidades e particulares alleos á práctica habitual no centro de ensino, e permite “a integración do alumnado nun contexto de produción real, cos seus éxitos e os seus fracasos, cos seus convintes e inconvintes”.
Iria Rivero agradeceu a implicación de todos os axentes implicados, “aos bares que non dubidaron en sumarse a iniciativa e aqueles que, por circustancias varias, non puideron participar nesta ocasión, aos grupos que están sempre dispostos a compartir o seu bo humor e as súas ganas de troula con nós, por suposto a Viña Reboreda, que non falta, desde a primeira edición, como adega patrocinadora e a Lugra.”
María Riesco, tamén alumna do ciclo e membro do equipo de dirección do mesmo, explicou o itinerario dos grupos e salientou a variedade de xeitos de facer e de propostas que poderán verse nesta edición.
Pola súa parte, Luis Alberto Gil Gallardo, do Grupo Reboreda Morgadío, agradeceu o convite a participar e salientou a importancia de eventos como estes que axudan a poñer en valor a tradición vinícola e cultural da cidade.
|